Arriba
Image Alt
A nosa historia

Descobre

Descobre a historia de Casa das Xacias

Descobre

Queres saber quen a habitaba, como era a vida cotiá nesta antiga casa de aldea e como foi a súa reconstrución? Cóntanolo Nuria Sánchez quen, xunto a Jacobo , xestiona a casa na actualidade para que poidades desfrutala.

Ata principio dos anos oitenta Casa das Xacias estivo habitada polas irmás Rosalía e Daría Camiñas Figueroa. Adoitaba contar a miña tía Clara que, cando as visitaba para lerlles o correo, entraba á casa pola portada (portalón grande da casa), de cor vermella gastada e, nada máis entrar, atopábaste co curral, un amplo recibidor cun corredor desde o que vías a Daría que, dende arriba, indicábache que subises por unhas escaleiras de pedra moi empinadas ate chegar a unha cociña de lareira. Baixo a casa había as cortes e, aínda que nos últimos anos da súa vida xa non tiñan gando, antigamente conviviran  con dúas vacas, un burro e varias galiñas.

As casas tradicionais galegas, de volume sinxelo con espazos especializados, non buscaban destacar. O curral era como o recibidor, o primeiro lugar que se vía ao entrar, punto de encontro de animais e persoas. Este tipo de casas tiñan unha dobre finalidade. Ademais de albergar á familia, tamén servían como instrumento para a actividade agraria. Por iso no seu interior gardábanse colleitas, apeiros e animais e, en ocasións, aínda que este non é o caso, adoitaban convivir varias xeracións baixo o mesmo teito.

As xanelas das casas, punto de contacto co exterior, transmitían as confianzas e os medos dese fogar, a calor ou o frío que se vivía no seu interior. En Casa das Xacias había só seis xanelas, e como podemos ver, só unha na fachada principal. Na planta baixa, tamén había unha ‘bufarda’, unha pequena abertura que servía para ventilar as cortes. Esta en concreto foi eliminada cando se construíron as habitacións nesta planta, pero noutras zonas da casa aínda persisten as ‘bufardas’ que, no seu día, daban ventilación á adega e despensa da casa, como a que está no porche, fronte á grella.

Ao falecer a súa irmá no ano 1982, Daría foi vivir  coa familia Vázquez, con Cándida e David á fronte, pais de sete  fillos. Entre eles a miña nai, Mercedes, a filla maior, que casaría con Roberto, o meu pai. Eles foron os que empezaron a reconstrución da casa a finais dos anos noventa. Tras moito esforzo e unha esmerada rehabilitación, inauguraron a Casa de Aldea de Turismo Rural Casa das Xacias no ano 2001.

Entre outras cousas, mantiveron intactos os muros de 70 cm de grosor da casa e rehabilitaron o tellado con “tellas do país”, aseguradas contra o vento con pedras de río, aliñadas no tellado en dirección nordés-sueste. Mercedes e Roberto quixeron reconstruír e transformar a casa en aloxamento turístico buscando un equilibrio que permitise manter o seu espírito e, á vez, dotala de   todos os servizos necesarios. No interior, dormitorios, cociña, baños e espazos de uso común, como comedor e salón. Fóra, espazos exteriores cubertos. Tamén ordenaron a leira con elementos tradicionais como  a parra, a horta e o hórreo, e mesmo transformaron a antiga palleira nun gran salón con cheminea, lembrando ás lareiras e o lume das casas tradicionais. Unha mistura entre a adaptación a un medio rural que conserva unha arquitectura característica e a plena funcionalidade e comodidade que buscamos a día de hoxe nun aloxamento.

Na procura dunha forma coherente de proxectar un aloxamento sinxelo que fose respectuoso coa cultura tradicional, no ano 2000 recuperaron uns elementos decorativos tradicionais de Ribeira Sacra coñecidos como esgrafiados, unha técnica decorativa que consiste na traza de debuxos con grafio, coitela ou cucharín nas paredes das casas de pedra que se estaba perdendo en Ribeira Sacra. Afortunadamente, desde o ano 2017 o Consorcio de Turismo quixo poñer en valor estes elementos mediante un proxecto de investigación e recuperación dos esgrafiados das construcións tradicionais.

Rehabiiltación

No ano 2019 Mercedes e Roberto cedéronnos a testemuña da xestión de Casa das Xacias a Jacobo e á min. Jacobo leva vinte anos xestionando aloxamentos e facendo eventos en Ribeira Sacra e eu tamén me dedico ao sector turístico e percorrín moitos países coñecendo culturas diferentes, sendo Ribeira Sacra o noso centro de operacións para vivir. Os dous compartimos a paixón por viaxar, a gastronomía e a natureza. Aínda que o enoturismo é a nosa debilidade, tamén adoitamos facer rutas de sendeirismo, excursións en bicicleta, picnics con amigos, paseos en barca polo río e, por suposto, vendimiamos e celebramos o magosto. Agora, con todo, do que máis desfrutamos é sendo os teus anfitrións en Casa das Xacias.

O destino quixo que pasásemos o confinamento de 2020 coas nosas fillas en Casa das Xacias, mentres facían reformas na nosa vivenda. Pero esa estancia foi máis longa do esperada, e iso fíxonos pensar en como podiamos facer de Casa das Xacias un lugar máis acolledor para compartir con amigos e familia cando pasase a pandemia. Había tanto tempo que recuperar e compartir… Así que deseñamos novos espazos de exteriores, decidimos instalar unha piscina, poñer unha cheminea nova, e manter o que os nosos clientes máis fieis, eses que repiten ano tras ano, sempre nos agradecen: a horta de tempada, leña en abundancia, unhas coidadas sabas de algodón ou a información e recomendacións que facemos aos nosos hóspedes antes e durante a estancia respecto diso de sitios para visitar, para comer ou rutas para descubrir.

Esta é a historia de Casa das Xacias. Unha casa que durante 20 anos foi o escenario de encontros de amigos, de despedida de solter@s, de celebracións de Nadal, de quedadas de curmáns, de sorpresas de aniversarios, de ‘ volver ao pobo onde nacín’ ou do que ‘era a miña familia’. Un lugar onde a xente ven a descubrir Ribeira Sacra, a pasar a festa de fin de ano, a embarcarse nunha viaxe en globo, a desfrutar da Semana Santa, das vendimas e os magostos. Un lugar que acolle tanto aos que veñen a unha voda ao Pazo Piñeiro ou á Feira do Viño de Chantada. Toda escusa é boa para coñecer estas paraxes.

Convidámosvos a formar parte da historia de Casa das Xacias, esperámosvos!!

Núria e Jacobo
Onde podes atoparnos

Localización

Tes algunha dúbida?