Casa das Xacias
Queremos transmitirche a esencia da Ribeira Sacra, unha terra que é o noso fogar e que desexamos sintas como teu. Ven, coñécenos. Desfruta de experiencias inesquecibles.
Ven a Casa das Xacias e conecta co corazón da Ribeira Sacra. Din que o fogar non é un lugar, senón un sentimento: queremos que o experimentes nesta casa de aldea galega do século XIX. Ofrecémosche un aloxamento rural situado nun terreo privado de 2. 500m2 con piscina, hórreo, árbores froiteiras, camelios e a horta con produtos de tempada que poderás compartir cos teus de forma exclusiva. Teredes á vosa disposición unha casa con seis habitacións e múltiples espazos onde desfrutar, por exemplo, da calor da cheminea, unha boa grellada, unha cea estival ao aire libre ou dun baño na piscina.
Sabías que a Ribeira Sacra é unha das zonas de Galicia máis interesantes para o avistamento de aves? En Casa das Xacias poderás espertarte cada mañá escoitando o canto dos paxaros que, neste verde recuncho, atopan un lugar onde gorecerse e alimentarse. Escóitaos de forma consciente, á vez que sentes como o aire do Atlántico penetra pola xanela da túa habitación.
Madruga, camiña cara as ribeiras do Miño. Alí poderás ver como as vides crecen oufanas nestas terrazas erixidas en abruptas terras, moitas delas de gran verticalidade.
Desde as beiras do río contemplarás amenceres de todo tipo: días asollados, tempestuosos ou preñados de brumas no verán. Sente os cheiros da natureza, desde o resío da mañá ao aroma da terra mollada tras a choiva. Sabías que a ese cheiro chámaselle petricor?
Conecta coa natureza: aquí estás en disposición de mergullarte nunha contorna rural que che ofrece calma, seguridade, desconexión, privacidade, tempo para coidarse, boa comida e a oportunidade de compartir todo iso cos teus.
Estás nunha contorna situada na Galicia interior, en plena Ribeira Sacra. Rodéanche campos de viñedos onde levan cultivando excelentes viños artesáns desde outrora; verdes prados que acollen as vacas das que se elaboran queixos exclusivos desta zona. Bosques conformados por árbores milenarias cargadas de lendas, entre eles monumentais carballos e castiñeiros.
Ven a Casa das Xacias e percibe a sensación do fogar.
Descobre a casa
Entra en Casa das Xacias e mergúllate nunha vivenda tradicional galega totalmente renovada. Ven e imprégnate de Ribeira Sacra. Sentiraste como na casa.